Entrada do web
¿ Qué é Cepam Migracións ?
CEPAM Migracións, integrado no Centro de Estudos da Poboación e Analise das Migracións, é un sitio na Rede dirixido á comunidade científica internacional que traballa no ámbito dos estudos migratorios e da mobilidade da poboación. Dende o seu nacemento, en outubro de 1999, o proxecto CEPAM vínculase académicamente ás universidades galegas e conta co apoio e á participación decidida de recoñecidos investigadores de universidades españolas e estranxeiras.
Vocación universalista e preocupación por darmos a coñecer as peculiaridades da inserción de Galicia nas distintas correntes migratorias constitúen os dous eixos que singularizan o proxecto CEPAM Migracións.
A mesma pegada que unha tradición migratoria plurisecular fora deixando na conformación da Comunidade Galega, a súa propia conciencia histórica de país de emigración, que vive hoxe o proceso de convertirse, ela mesma, en país de retornos e de inmigración, constituíu un poderoso aliciente á hora de crear, agora en soporte dixital, un Centro de Documentación e de Estudo especializado nunha problemática cada vez máis necesitada da achega de traballos e investigacións rigorosas e precisas.
O equipo CEPAM Migracións trasladaba así a unha nova linguaxe unha sólida experienza desenvolvida antes noutros soportes tradicionais, que xogou o importante papel de alentar a realización de investigacións, recompilación de fontes documentais en distintos formatos, celebración de cursos de posgrao e seminarios, exposicións temáticas e edición en papel de libros e revistas.

Cepam






